Igape

Igape, Instituto Galego de Promoción Económica
  1. A Xunta destaca que a aposta pola innovación e especialización incrementa a proxección internacional das empresas

    O director do Igape, Juan Cividanes, visitou Optare Solutions, unha compañía tecnolóxica, con sede en Vigo, que recibiu o apoio do Igape, a través do Plan Foexga.Cividanes salientou a importancia de que as pemes estean presentes nos mercados exteriores contribuíndo, deste xeito, ao crecemento da economía e á xeración de emprego. A Consellería de Economía, Emprego e Industria proporcionou o pasado ano apoio a preto de 200 empresas en misións comerciais no estranxeiro.O plan Foexga complementa os servizos de apoio e as axudas que se achegan a través do Igape, como o programa Galicia Exporta.

  2. A Xunta impulsa a especialización e o acceso ao mercado laboral de 60 novos titulados a través das bolsas do programa ReAcciona

    O director do Igape, Juan Cividanes participou hoxe en Santiago na apertura do programa formativo para os novos bolseiros seleccionados, que comezarán a incorporarse en datas próximas a empresas, clústers e entidades colaboradoras. As bolsas do programa ReAcciona, que promove a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ofrecen formación especializada, antes e despois do período de prácticas dun ano de duración, participando en proxectos de mellora competitiva. Máis do 62% dos titulados que remataron o seu período como bolseiros nas dúas últimas convocatorias acabaron incorporándose ao mercado laboral de xeito inmediato. Cividanes salienta a importancia da participación de novos titulados nos procesos de mellora competitiva das pemes para avanzar na implantación da Industria 4.0. Esta iniciativa enmárcase no programa ReAcciona da Xunta para facilitar ás pemes galegas a mellora da súa capacidade competitiva e a súa adaptación cara á Industria 4.0.

  3. Aberto o prazo de inscrición para participar na terceira edición do coworking de Santiago de impulso a proxectos emprendedores

    Os interesados en tomar parte nesta aceleradora especializada nas industrias culturais ou tecnolóxicas, impulsada conxuntamente pola Xunta e a EOI, poden formalizar a súa solicitude ata o próximo 10 de febreiro. Contarán con asesoramento e titoría personalizada no espazo habilitado na Cidade da Cultura, onde se aceleraron máis de corenta novos proxectos ao abeiro das dúas edicións anteriores. Na anterior convocatoria desta iniciativa en Santiago os emprendedores apostaron por actividades baseadas nas TIC para empresas de artesanía, o téxtil, recursos didácticos, turismo activo, teatro, ou a industria musical, entre outras.

  4. A Xunta organiza un ciclo formativo para afondar nas vantaxes dos servizos do programa ReAcciona

    Os webinars do programa ReAcciona do Igape levaranse a cabo entre os días 9 de xaneiro e 6 de abril e poderanse seguir vía streamming. As xornadas formativas están especialmente dirixidas a persoal directivo e responsables de departamentos xestores en empresas de calquera sector. O programa ReAcciona apoia ás Pemes no desenvolvemento de proxectos de mellora en ámbitos de xestión como o financeiro, produción, comercial ou de deseño estratéxico. A nova convocatoria do ReAcciona abrirase á presentación de solicitudes dende o vindeiro 5 de febreiro.

  5. A Xunta impulsará este ano as exportacións de 300 Pemes galegas a través do Plan Foexga

    O director do Igape, Juan Cividanes, destacou, durante a súa visita á Vermutería de Galicia en Padrón, que a crecente presenza das pequenas e medianas empresas nos mercados exteriores está a ser fundamental para consolidar o crecemento da economía galega e a xeración de emprego. Puxo como exemplo a esta compañía que se acolleu ao plan Foexga para explorar novas oportunidades de negocio no Reino Unido e Suíza, e que xa está presente en quince mercados internacionais. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coas Cámaras de Comercio, proporcionou o pasado ano apoio a preto de 200 empresas a través de máis de 300 accións para que participasen en misións comerciais no estranxeiro ou en feiras internacionais.O plan Foexga complementa os servizos de apoio e as axudas que se achegan a través do Igape, como o programa Galicia Exporta, iniciativas que contribuíron a que as exportacións medrasen un 8,2% nos dez primeiros meses de 2017.

  6. A Xunta apoia melloras en cociñas e baños de máis de 4.000 fogares a través do programa Reforma 17

    O director do Igape, Juan Cividanes, destaca durante a visita á empresa Garciventa, en Vigo, os resultados acadados polo Programa Reforma 17. Obtívose unha facturación inducida que supera os 14 millóns de euros e que se traduce nunha mobilización estimada en máis 28 millóns, tendo en conta a actividade económica xerada no ámbito das reformas e a construción. Colaboran na edición da iniciativa, que agora está a pecharse, 343 empresas con 427 establecementos, un 10% máis ca na edición do ano anterior. A actuación desenvólvese por terceiro ano consecutivo e xa ten facilitado reformas en máis de 11.000 fogares mediante unha mobilización económica próxima aos 80 millóns de euros en facturación por vendas e obras de reforma. O obxectivo, que contempla rebaixas de ata o 40% en produtos e mobiliario, busca estimular a demanda e o emprego entre as pequenas empresas e os autónomos que traballan neste ámbito.

  7. A Xunta activa un plan para a dixitalización de 100 Pemes que xunto co programa de formación 4.0 mobilizará máis de 10M€

    O Goberno galego destina preto de 6 millóns en novas axudas para apoiar proxectos de dixitalización do tecido empresarial e impulsar a formación na Industria 4.0 de 1.000 traballadores e mandos intermedios. En 2018 levaranse a cabo catro convocatorias para facilitar proxectos dixitais, nos que terán prioridade as iniciativas colectivas formadas por grupos de empresas. Con estas medidas a Consellería de Economía, Emprego e Industria, favorece os investimentos e a especialización en ámbitos como a robótica, o big data, vehículos autónomos, Internet das cousas ou ciberseguridade.

  8. A Xunta amplía o prazo de presentación de solicitudes do Programa Galicia Inviste ata o próximo 28 de marzo

    As axudas poden cubrir ata o 30% de proxectos comprendidos entre os 50.000 e os 900.000 euros. As empresas beneficiarias poderán investir en maquinaria e bens de equipo para ampliar, modernizar ou diversificar a actividade produtiva, así como en obra civil, no caso dos proxectos xeradores de emprego. Este programa de axudas pode complementar os novos instrumentos financeiros innovadores activados pola Xunta para facilitar investimentos tecnolóxicos, no ámbito da Industria 4.0.

  9. A Xunta activa o programa Galicia Exporta para apoiar a internacionalización de máis de 300 empresas

    Mediante liñas específicas dotadas con 6,5 millóns de euros o Igape apoiará proxectos particulares de empresas ou proxectos colectivos coordinados por organismos intermedios empresariais. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 21 de febreiro. Esta iniciativa, con axudas cofinanciadas con fondos Feder que cobren ata o 80% dos gastos, reforza a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 e a axenda estratéxica Horizonte 2020 da UE para facer das exportacións un motor de emprego e crecemento empresarial. As exportacións galegas medraron máis do 8 por cento no que vai de ano, logo do récord histórico acadado en 2016, ao superar os 20.000 millóns de euros.

  10. A Xunta salienta a colaboración entre Galicia e Portugal para reforzar o crecemento económico e xerar emprego de calidade

    O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe en Viana do Castelo no II Encontro dos investidores da diáspora, onde destacou a firme aposta por atraer cara a Galicia, mediante instrumentos como a Lei de implantación empresarial, novos investimentos innovadores para xerar emprego de calidade. Cividanes subliña que Portugal é un dos principais socios comerciais da Comunidade galega, o segundo mercado tanto en importacións como en exportacións, só por detrás de Francia. Salienta a importancia da colaboración de todos os axentes potenciais, tanto institucionais como empresariais, dentro e fóra de Galicia, para xerar actividade económica e para incrementar as exportacións en mercados de todo o mundo.

     

Siguenos en la web

facebook Twitter google rss
Comparte en:
SS Admon AEAT xunta Vigo

Inicio de Sesión

rande large

Localización